Compoñendo a cartografía mítica

Por Beatriz Comendador Rey

A paisaxe ten compoñentes naturais e antrópicos, pero resulta fundamental para o noso traballo, recuperar a información sobre a paisaxe percibida e a fixación de relatos, elaborados e reelaborados sobre o medio, que normalmente negan esta concepción dualista cartesiana do mundo. As historias fican as veces ancoradas nos topónimos, creando a cartografía mítica do territorio. Outras veces simplemente permanecen na memoria ou créase unha topoloxía simbólica, que non sempre ten un referente concreto na paisaxe. Non é unha simple cuestión anecdótica, nen folklorista, senón información fundamental para entender a nosa paisaxe cultural. Ademais hai “lugares naturais” fisicamente inalterados pola acción antrópica, pero que poden ter adquirido un significado especial para as comunidades do pasado, algo que so é posible recoñecer a través da identificación de vestixios de actividades humanas nas súas inmediacións, na que fora chamada “arqueoloxía dos espazos naturais”.

Namentres procesamos a información xerada nesta campaña, tanto na intervención no propio xacemento como na prospección, compoñemos unha síntese do mapa simbólico do territorio. Durante estes meses fixéronos chegar valiosísimos documentos, como este debuxo a boli, que coloca  os fitos fundamentais dun xeito perfectamente estruturado no espazo, onde todo ten o seu lugar.

Sobre eses sitios fomos recuperando relatos de distintos xeitos. Algúns consérvanse nos propios textos, xa antigos, como o relato da visita á comarca de Florentino López Cuevillas. Fala da ermida dedicada a Santa Ana e sinala que “cando compre pregar ao ceo pra que chova ou deixe de chover, báixase en procesión a imaxe da Santa dende a capela a Oimbra, e pasados uns días vólvese a rubila solemnemente ó seu santuario. Pois ben, istas procesiós en lugar de seguir i camiño mais curto e millor, iban dando un arrodeo de tras kilómetros que non endereitaba o seu vieiro ata pasar por baixo do monte das Laxes” (López Cuevillas, 1926: 10). Deste xeito sinala a relación simbólica existente entre Santa Ana e Lobarzán, dous lugares conectados simbólicamente a través dun ritual representado de xeito reiterado e colectivo por unha comunidade de persoas que comparten un mesmo relato e memoria.

A capela de Santa Ana

As veces a unión entre sitios arqueolóxicos ven polo aire, e outras veces polo “inframundo”, xa que toda Galicia (e mais) está chea de túneles mitolóxicos que comunican lugares de importancia simbólica (e arqueolóxica). Hai lugares que son entrada a ese inframundo, habitado polos mouros mitolóxicos, sobre todo aqueles enclaves onde abundan os recunchos e cavidades tortuosas. Un destes lugares, sen dúbida, e Laxes das Chás e o Castelo de Lobarzán.

“Entradas aos inframundos”

Unha desas cavidades é chamada “O Túnel” pola veciñanza. Nun interesantísimo documento aportado por Sergio González Palanca, veciño das Chás, recóllese o relato de que “Nadie ha penetrado más adentro, pero arrojando piedras sobre el último tramo que se conoce, se oyen rodar como si descendiesen por escalones. Cerca del río Búbal, y ya en el valle, se conoce otro fragmento del supuesto túnel, el cual se considera la salida” (González Palanca, 1978). Tamén relata Bruno Rúa, que “alguén do Muiño de San Pedro, unha poboación desaparecida aos pes do Ladairo, me contou que os mouros que vivían nas Laxes das Chás, tiñan un túnel que os comunicaba cos de Medeiros cando querían roubarlle cabalos ou secuestrar mozas” (Rúa, 2007: 63).

A entrada ao “Tunel”

A estes lugares habitados polos mouros, ou a penedos onde asoman as mouras encantadas, asócianse “tesouros” que era preciso desencantar, as veces coa maxia da palabra declamada e as verbas escritas no grande libro de San Cipriano ou Ciprianillo, do que algún día falaremos mais. Cun modesto farol de aceite, e a medianoite, recollen os relatos as historias dos que achegábanse temerosos a estes lugares para rebentar as pedras en busca do ouro.

Outras veces, como contounos Morena, veciña das Chás, hai lugares aos que a xente prefería non achegarse, temerosa das mouras e os encantos que alá saían… como na zona das “portas”… xa que por alí accedíase ao “val das mouras”, “que por alí non ían”… ou iso contaba a súa aboa Rosalía.

A zona do val das mouras

No xornal “Nuevo Támega” un texto do ano 1929 di o seguinte:

 “Próximo al picacho más alto del cercado recinto conocido por “O Castelo”, existe una peña al parecer insculturada, que las gentes de los contornos conocen por “O penedo do gato”. El “gato” está mirando hacia el lugar donde se halla sepultado un tesoro fabuloso que espera el momento de ser rescatado mediante la ejecución de determinadas ceremonias. En una ocasión-hace de esto muchos años- un vecino del pueblo de Chás, dispuesto a desencantar el tesoro, fuel al lugar que el “gato” señala con su mirada, cavó durante un buen espacio de tiempo, removió una piedra y debajo de ella, halló dos salamandras terriblemente feas. Las recogió en un saco blanco que llevaba a prevención y al llegar al pueblo, las tiró dentro del patio de casa de un hermano suyo con el cual se hallaba enemistado, para que allí produjese los más horrendos males. Al día siguiente las dos salamandras eran dos barras de oro y ese fue el origen de una fortuna ya extinguida en la actualidad. Eso cuenta la tradición

As píntegas ou salamántigas, tamén presentes na toponimia de Lobarzán.

Na busca destes tesouros mitolóxicos foi como perdéronse para sempre maravillas da natureza, como o Penedo dos Mouros de Cabreiroá, rebentado para recuperar “os seus tesouros” ou quen sabe. Pero os furados e os expolios destrúen a información arqueolóxica precisa para responder ás preguntas… porque hoxendía ninguén fura para atopar tesouros… ou polo menos, non debería.

Postal “GALICIA.OURENSE.VERIN.CABREIROA.’FOTO FERRER
Formación natural interpretada como “Monumento Megalítico”, actualmente destruida

Os relatos e as narrativas que as sociedades crean sobre o territorio, son o auténtico tesouro da nosa cultura. E nós posiblemente seremos a última xeráción que teña contacto con este tesouro de información acochado nas cabezas das persoas mais vellas. Recuperar esta herdanza e transmitila é unha das nosas principais obrigas, antes de que un mundo cambiante e globalizado pase a goma do borrar sobre eses fermosos debuxos dun mundo invisible, construido e visible tan só dende a memoria.

REFERENCIAS

Anónimo. “La citania céltica romanizada de “Laxes das Chás”, Nuevo Támega, Verín, 13 decembro 1929.(Oímbra).

González Palanca, J. S. 1978. Prospección toponímica de “Chas”. Boletín del Seminario Fontán Sarmiento de Hagiografía, Toponimia y Onomástica de Galicia, nº 4. Santiago de Compostela.

López Cuevillas, F. 1926.” Papeletas arqueolóxicas e folklóricas da comarca de Verín”. Revista Nós, 36.

Rúa, B. 2007. Guía arqueolóxica do Alto Támega. Imprenta Dixital. Verín.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Empieza ahora
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close