“Cabezas reticuladas”

Por Beatriz Comendador Rey

Cerámica reticulada da zona de Lobarzán

A cerámica recuperada nun xacemento é importante desde todos os puntos de vista da arqueoloxía, sendo un material esencial para comprender as formas de vida dun grupo humano, así como o seu simbolismo. A súa localización nun depósito arqueolóxico fornece información fundamental sobre a súa cronoloxía, entre outros aspectos. No complexo xacemento coñecido como Castelo das Laxes das Chás/Lobarzán, a abundante presenza de material cerámico prehistórico remite a unha ocupación de, como mínimo, uns 4500 anos de antigüidade.

Cerámica reticulada e punta de frecha rexistradas nunha cavidade durante os traballos de prospección realizados

Aínda que nunca fixérase unha escavación arqueolóxica neste lugar, sabíase por traballos anteriores que os anacos cerámicos afloran na superficie do terreo abranguendo unha amplísima dispersión, ben confirmada e mellor delimitada nas tarefas de prospección realizadas nesta campaña. Aínda que non podemos tomar datos concretos sobre a estratigrafía, a recollida de elementos significativos foi xeoreferenciada e rexistrada en fichas, procurando establecer as pautas de distribución das distintas técnicas/patróns decorativos no xacemento. Este aspecto podería determinar a sincronía ou diacronía nas ocupacións de diferentes espazos, ocupados de xeito reiterado e intenso ao longo dun periodo de tempo.

O rexistro e referenciación de todos os anacos cerámicos recollidos no xacemento é fundamental para non perder información de contexto, aínda que aparezan en niveis superficiais

Por esta razón, a recollida de anacos cerámicos sen referencias contextuales e de localización, supón unha importante perda de información.

No relativo aos procedementos de elaboración da cerámica e aos motivos decorativos, a mostra presenta bastante uniformidade, sendo especialmente frecuente a localización de anacos con motivos incisos, organizados en metopas ao longo da vasillas. Este tipo de cerámica feita a man, e coas decoracións realizadas co barro aínda húmedo, son coñecidas como grupo de cerámicas inciso-metopadas de tipo Penha (polo xacemento do mesmo nome en Guimarães). A decoración máis habitual son as liñas incisas que forman unha retícula, tan repetida que a veces fainos pensar na importancia simbólica desta tradición decorativa ao longo do tempo.

A área xeográfica de expansión destes motivos é extensa no noroeste, e especialmente importante na rexión do val do Támega, onde a profesora Susana Lópes (Prof. catedrática aposentada da FLUP; investigadora integrada do CEAACP da FLUC e consultora deste proxecto) realizou a finais dos anos oitenta a sua tese pioneira sobre o proboamento prehistórico do tramo luso do val, e estudou xacementos prehistóricos da rexión de Chaves e Vila Pouca de Aguiar, como Vinha da Soutilha, São Lourenço, Pastoría e Castelo de Aguiar.

A importancia destes motivos reticulados non se refiren a un mundo exclusivamente decorativo, senón a transmisión e difusión de símbolos como parte integrante dunha linguaxe que identifica a un grupo de poboación. Debemos ter en conta que falamos de sociedades ágrafas e onde o parentesco é fundamental nos sistemas de organización social.

Cerámica inciso metopada con retícula localizada na área do Pozo do Demo

Poderíamos preguntarnos porqué este estilo decorativo expándese e permanece dun xeito tan reiterado. Unha posible hipótese é que nestas sociedades houbese unha división social do traballo e que a cerámica fose realizada no ámbito doméstico esencialmente por mulleres. Neste caso,  a práctica da exogamia (as mulleres saen do núcleo grupal) explicaría a difusión destas formas de facer e a transmisión desta tradición oleira a través das mulleres. Este aspecto, completado polas redes de intercambio, podería explicar a reiteración dos patróns decorativos e das tradicións oleiras.

Cerámica presumiblemente romana localizada na escavación

As retículas non son exclusivas da prehistoria, pois neste mesmo territorio coñecemos cerámicas romanas decoradas con retículas, aínda que realizadas con diferentes tecnoloxías, e nun ámbito mais especializado. En todo caso, nun lugar de longa ocupación como Lobarzán, ata sería posible que as producións oleiras locais de épocas históricas “imitaran” ou “emularan” os motivos decorativos das cerámicas prehistóricas… quen sabe… Como diría o profesor Vázquez Varela nos seus ensaios sobre etnoarqueoloxía, son “culturas distintas, tempos diferentes e solucións parecidas”…

Un mundo de “cabezas reticuladas” nas formas cerámicas, cunha clara preferencia das liñas rectas sobre as curvas, e que coloca moitas preguntas aínda por resolver sobre este proceso artesanal e a transmisión social dos coñecementos nos tempos prehistóricos.

REFERENCIAS

COMENDADOR REY, B., GONZÁLEZ, F., UÑA ÁLVAREZ, E. DE, RODRÍGUEZ GÓMEZ, E. (2015): ‘Paisajes del Agua: el Alto Támega en la Prehistoria Reciente’. En Castro et al. (coords.): Paisajes culturales del agua. Ourense, Deputación de Ourense: 71-80.

GÓMEZ FERNÁNDEZ, A., VÁZQUEZ DOMÍNGUEZ, M. (2009): “La ocupación romana del yacimiento de Castelo de Chás: ‘A cova dos Mouros’ (Oímbra, Ourense)”. Gallaecia, 28: 139-150.

JORGE, S. O. (1986): Povoados da Pré-História recente da região de Chaves-Vila Pouca de Aguiar (Trás-os-Montes Ocidental): bases para o conhecimento IIIº e princípios do IIº milénios aC no Norte de Portugal. Porto.

PAZ RODRÍGUEZ, Mª S., MÉNDEZ VÁZQUEZ, D., FÁBREGAS VALCARCE, R., Gómez Fernández, A. (2004): “Nuevos datos sobre cerámica ‘Penha’ en el Sur de Galicia”. Sautuola, 10: 17-34.

RODRÍGUEZ MUÑIZ, V.; COMENDADOR REY, B., VAQUERO DÍAZ, Mª B. (coords.): Informe do proxecto ‘Investigación Arqueolóxica e Histórica sobre as orixes do concello de Oímbra’. Recurso en rede.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Empieza ahora
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close