Do Castelo de Vilaza ao río

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Vista dende a autovía, a ladeira do enclave do castelo de Lobarzán sempre impresiona. Unha caída de vertixe sobre o Búbal. Monte abaixo, grandes bolos graníticos dispersos van creando xogos e rexogos, con formas curiosas e suxerintes. A riqueza natural desta paisaxe xeolóxica granítica é subliñable, con formacións excepcionais como pedras bulideiras, rochas baleiras por dentro, chamadas cacholas ou tafone, cun mar de ondas ou alvéolos no seu interior.

Tafone
Alvéolos no interior dun tafone basal na base do curuto do Castelo

Os bloques loitan coa gravidade, e as diáclases abertas configuran cavidades, nichos, corredores e pasadizos, moitos aínda por explorar. Como comenta José Ramón (Comarca de Monterrei), “se non fora polo tamaño que teñen, case parece que as colocaron”.

As comunidades ollaron estas paisaxes graníticas como colosais monumentos megalíticos, accesos ao inframundo dos mouros e dos tesouros, ou seres animados petrificados, conformando unha paisaxe cultural singular.

DJI_0116
O alto do Castelo a vista de paxaro coa entrada da Cova/Burato dos Mouros ou O Túnel (Foto Proxecto Lobarzán)

Xa faláramos neste blogue da formación chamada A Mesa, semellante a un dolmen, pero só megalítica en canto ás súas dimensións. Aínda que non é resultado da man humana, a súa forma suxeriu alí un Altar dos Mouros.

A “mourindade” anda tamén na denominación do Penedo da Moura, ou da cova máis coñecida do conxunto, aínda que en Vilaza chámanlle a Cova do Castelo. Está preto do chamado Penedo do Gato, que sitúase a poucos metros cara abaixo. Este penedo singular aparece mencionado nun dos roteiros de tesouros do Ciprianillo: “No Monte Castelo, dende o Penedo do Gato hacia o río fragoso, a estadio e medio está un tesouro”.

Dicían en Vilaza que esta cova baixaba ata o pé da ponte, e que a saída estaría tapiada por unha casa. Contaban que había outra que baixaba entre Vilaza e Requeixo, e que saía debaixo dun penedo do río, e que supostamente ainda conservaría unha entrada tapiada en Boca de Souto. Nesta mesma zona falábase que fai moitos anos, sachando unha leira, se atopara un cazo con moedas de ouro.

Cova dos Mouros
A entrada da Cova do Castelo/Cova dos Mouros/O Túnel (Foto Proxecto Lobarzán)

Antolín Gómez e Montserrat Vázquez xa escribiran sobre este Burato dos Mouros e a súa dilatada ocupación (Gómez e Vázquez, 2009), aínda que descrita como unha pequena galería cun único acceso a través de dunha pequena apertura situada ao S/SW, e así aparece no plano publicado. En realidade, a cova exténdese mais e ten saída un pouco mais abaixo, como se fose un túnel.

Nesta cova entrou moita xente, pero tamén nesas visitas foron movendo e levando o material que contiña, e tamén foron marcando as paredes con riscos e graffitis ata hoxe.

03 Cova da Moura
Letras graffitadas recentemente no interior da Cova dos Mouros (Foto Proxecto Lobarzán)

Tamén no fondo dun tafone, ao que hai que entrar mesmo arrastrándose, atopamos escrito en cera vermella “TITO”. Curioso o afán da xente en seguir marcando estas paredes profundas, como o fixeron outras persoas fai 5.000 anos, na prehistoria.

Xusto na base alta do outeiro do Castelo, cara o Picoto, hai outra cavidade grande ao lado dunha pedra alta, que nós chamamos a Cova grande do Castelo- O Balcón, porque ten unha especie de balconada á que sobe a veciñanza. Hai logo varias outras, dende a zona do Picoto, ladeira abaixo, e tamén xa cara a Boca do Souto.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

O sistema que denominamos Cova das Pinturas, aparentemente non ten outro topónimo específico coñecido (ou polo menos, o ignoramos…). A curiosidade e a afición ás covas levou a José Luis, a Jacinto e J. Carlos, veciños do Rosal, e a J. Antonio Martín, veciño da Casas dos Montes, a localizar unhas febles marcas vermellas que deixaron os tempos, acochadas nas paredes deste lugar, marcas que identificamos como pintura prehistórica de tradición esquemática.

O pasado verán, os espeleólogos do CETRA, fixeron con nós un levantamento topográfico da cavidade que xa demos a coñecer nun vídeo recentemente publicado. Este lugar excepcional, é un dos catro únicos sitios coñecidos en Galicia con pintura de tradición esquemática, e o único na que a pintura está sobre granito nun sistema natural destas características. Actualmente, por iniciativa da Dirección Xeral de Patrimonio, está aberto o expediente para a incoación como Ben de Interese Cultural (BIC) deste enclave en Vilaza (Monterrei), categoría que só teñen outros poucos bens senlleiros da comarca, como o Castelo de Monterrei ou a Igrexa de Santa María de Mixós.

Pero a unión entre a pedra e a auga tamén é importante. De entre as fracturas nas rochas, perto do río Búbal, brota o manancial de auga quente de Requeixo, moi perto de Vilaza. Esta auga xurde da terra a 20 graos, e considérase boa e “de gran beneficio aos gotosos” e afeccións dixestivas. Sabemos que foron declaradas de utilidade pública por RD do 10 de Marzo de 1900, pero o que ignoramos é dende cando se usaron.

IMG_0151
Manacial de Requeixo (Fofografía S.González Soutelo, colaboradora do GEAAT)

José Ramón Feijóo axudounos a coñecer un pouco mellor estes e outros aspectos dende a súa perspectiva de Vilaza. Leva loitando moitos anos polo recoñecemento e salvagarda do patrimonio local “en extinción”, dende aquela intervención arqueolóxica no castro do Outeiro con “Yoli” (a arqueóloga Yolanda Álvarez) cando a construción da autovía, e que lle meteu o “gusanillo”.

11e1a9d2-a7b4-497f-aafe-cadd989b49ad
Escavación do Castro de Outeiro da Ponte (1997, Fotografía cedida por J.R.Feijoó)

A toponimia e a diversidade dos relatos, cambian segundo vexamos esta paisaxe dende a perspectiva de Vilaza, Medeiros, As Chas, O Rosal ou Queizás, so por poñer os lugares mais próximos, enriquecendo aínda más o conxunto destes 15 km cadrados do territorio. Nesta xeometría espacial, cada persoa e cada pedra é importante para “unir os puntos”. E como vemos, a curiosidade, a motivación e o “amor” polo nóso, son a maquinaria dun proxecto como este.

Elena de Uña, compañeira do GEAAT e especialista no modelado de paisaxes graníticas, ten escrito moito sobre aspectos como o territorio, a paisaxe e a identidade. Lémbranos que o territorio “comprende unha rede de compoñentes visibles e non visibles relacionados coa materialidade, o sentimento, a imaxe e o imaxinario”, no que xoga un papel fundamental o sentimento de “pertenza”. O seu valor alcanza o rango máximo de lexitimidade social cando constitúe un patrimonio definido por bens de excelencia, nas “obras combinadas da natureza e do home vinculadas á identidade colectiva dos habitantes, resultado de coñecementos, prácticas, usos, valores” (UNESCO, 1972).

E así é como esta paisaxe excepcional, é ao mesmo tempo, realidade e símbolo.

20190915184550_IMG_1521

Referencias

Gómez, A. e Vázquez, M. 2009. La ocupación romana del yacimiento de Castelo de Chás: A Cova dos Mouros (Oimbra, Ourense). Gallaecia, 28: 139-150

Soutelo, S. G. 2018. Ourense, la provincia termal. Patrimonio, historia y tradición. In Ourense: la provincia termal (pp. 10-36). Deputación Provincial de Ourense.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Empieza ahora
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close