Unha xerra e unha moeda

Por Víctor Rodríguez Muñiz

Unha xerra e unha moeda. Dúas pezas cotiás, do día a día, aparentemente sen moita importancia. Son, porén, fundamentais para nos achegaren máis información sobre os últimos tempos en que estivo en pé o castelo de Lobarzán, pois localizáronse na escavación das ruínas da súa torre.

A xerriña é do tipo ‘Augas Santas’ –non en van, foi neste santuario, cuxa construción ficou inacabada, onde apareceu o maior conxunto delas– e corresponde a un tipo de cerámicas que se distribúe por toda a zona auriense nos últimos séculos da Idade Media.

A moeda é tamén deste período, dos arredores do 1400, e é portuguesa: un real preto do rei João I, quen foi rei entre 1385 e 1433. Non é inhabitual achar no sur de Galiza moedas portuguesas medievais, ata en puntos tan afastados da fronteira como a necrópole do San Vítor en Parada de Sil, e moito máis frecuente o había de ser nestas terras da raia.

            Desde estes inicios do século XV, pouco tempo continuou en pé castelo de Lobarzán. Sabemos, polos documentos da época, que foi por volta de 1460 que a torre e fortaleza foran derruídas mais, a diferenza de moitos outros castelos, non foi pola acción antiseñorial dos Irmandiños, senón o ‘xogo de tronos’ dos herdeiros ao señorío de Monterrei: será Xoán de Zúñiga quen ordene a súa demolición para nunca máis ser erguida.

            Aínda que habemos de falar, en próximas entradas do blog, máis polo miúdo da historia do castelo, isto xa nos está a clarificar unha cuestión: Lobarzán sobreviviu á creación da póboa e fortaleza de Monterrei en 1260. A nova vila real artellará a comarca como a súa cabeceira –ata o punto de que toda a terra deixe de se denominar como de Baronceli para facelo co nome da póboa fundada por Afonso X– e isto motiva que as vetustas fortalezas de Lobarzán e Cabreira pasen a depender de Monterrei, cuxo concello actuará no sucesivo como o tenente delas.

Esta dependencia fai que, ben é verdade, Lobarzán perda as súas prerrogativas en favor da nova vila real: entre elas, a de ter notario de seu. Coñecemos o nome do último deles: Gonçalo Barroso, quen era publico notario da terra de Lobarzaa e de Cabreyra, en abril de 1260, e que empregou como signo notarial o mesmo deseño do alquerque que, gravado nunha laxe, apareceu na escavación do outeiro da Ceada. En outubro dese ano, o mesmo Gonzalo Barroso é xa notario de Monterrei, na que supón a máis antiga referencia á póboa real.

Porén, e aínda que en declive, os antigos castelos de Cabreira e Lobarzán continuaban en pé. No que a Lobarzán se refire, aínda en 1292 o concello de Monterrei obrigaba os homes de Verín, Pazos e Mixós a traballar no seu mantemento, o que provocou as iras de Celanova, mosteiro que era señor desas tres vilas. Alén da anécdota, o feito demostra que continuaba a recibir coidados que garantisen o seu correcto estado.

Foi iso, pechando o círculo, o que demostrou o achado de xerra e moeda na escavación da torre: aínda no século XV existía actividade en Lobarzán, seguramente como un posto de vixía como reforzo de Monterrei pola súa inmellorable situación á hora de controlar os vales de Búbal e Támega. Pero toda historia chega ao seu fin: coa orde de demolición dada por Xoán de Zúñiga péchase o relato de Cabreira e Lobarzán, que nunca voltaron ser reconstruídas.                

Con certeza, as próximas campañas de escavación en Lobarzán haberán de nos permitir ler novos capítulos, ata o momento descoñecidos, da historia desta fortaleza e das terras do Támega.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Empieza ahora
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close