Por Lucía Rodríguez Álvarez (Investigadora do GEAAT, Universidade de Vigo)
Preséntovos o meu traballo de Fin de Máster, recén saído do forno, realizado no contexto do Máster Interuniversitario de Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade. Iniciamos unha investigación sobre o conxunto arqueolóxico e natural de A Ceada das Chas/Castelo de Lobarzán, a través do estudo de materiais cerámicos procedentes da prospección realizada no 2019, vinculada ó proxecto “Recuperación Patrimonial e ambiental do Castro das Laxes das Chas/Castelo de Lobarzán”, no marco dun convenio de colaboración asinado entre a Universidade de Vigo e os concellos de Oimbra e Monterrei e no que participan o grupo de investigación GEAAT.
Neste contexto, e xa que formei parte do equipo integrante, xurdiu a proposta de realización deste traballo de investigación coa dirección de Beatriz Comendador (Universidade de Vigo) e Miriam Cubas Morera (Universidade de Oviedo).
O obxectivo xeral deste traballo é contribuír a acadar un mellor coñecemento da ocupación prehistórica do Noroeste Peninsular, e concretamente no interior transfronteirizo, na área do Alto Támega galego-portugués, así como suliñar a gran potencialidade que ten a rexión.

En primeiro lugar, realizamos a xestión integral do material prehistórico recollido na prospección, o rexistro xeoespacial dos puntos arqueolóxicos e a individualización do material cerámico. Posteriormente, centramos o estudo na caracterización da variabilidade técnica e decorativa do conxunto cerámico a través das técnicas e patróns decorativos, así como a distribución xeoespacial do material en función das características cronoculturais.



A totalidade do conxunto cerámico recuperado responde a 634 fragmentos, dos que 294 están decorados e incluidos neste estudo. Organizámolos en tres grandes grupos partindo da técnica coa que se executa a decoración: a incisión (simple e penteada), incisión-impresión e impresión. A metodoloxía empregada para a distribución obedece a unha categorización concreta; no caso da técnica incisa organizándose por patróns decorativos, e no caso da inciso-impresa e impresa como o feito de formar patróns é menos frecuente, son divididos pola matriz de impresión, é dicir, polo instrumento encargado do xesto técnico.

A distribución dos patróns decorativos segue unha orde dende os elementos máis sinxelos ós máis complexos. Cada categoría foi diferenciada numéricamente. Partimos dunha liña á que denominamos simple, e a combinación de dúas ou máis que foron designadas como múltiples. Dentro do motivo diferenciamos a dirección da disposición (horizontal, vertical e diagonal) en función da orientación do fragmento. Como resultado obtivemos a composición dos patróns decorativos expostos na seguinte parte gráfica mediante o fragmento máis representativo de cada motivo decorativo predominantes no xacemento de A Ceada das Chas/Castelo de Lobarzán.

A maior parte das cerámicas decoradas encádranse dentro da tradición oleira tipo Penha consecuente co resto dos materiais arqueolóxicos recuperados e as manifestacións de pintura esquemática recentemente dadas a coñecer. Porén, novas evidencias permiten cuestionar algúns aspectos anteriormente establecidos en canto á cronoloxía da ocupación e o modelo de asentamento, xa que a presenza de cerámica cardial (que recibe este nome por estar decorada con impresións de cuncha) e de cerámica decorada coa técnica coñecida como boquique, permiten propor unha ocupación anterior no Sector Norte, anterior ó tercer milenio A.C.

A distribución espacial do material, especialmente concentrado nas valgadas, cuestiona tamén que o modelo de ocupación sexa nun poboado en altura con estruturas defensivas de tipo parapeto, a favor dunha posible ocupación articulada ós bolos graníticos en estruturas de carácter perecedoiro. Ademais, o achado de material arqueolóxico significativo no interior de cavidades, así como a identificación de pintura esquemática, sinalarían a utilización destes espazos para actividades sociais de distinto cariz, non sendo descartable o seu carácter funerario/simbólico.
Finalmente, as tradicións oleiras representadas, así como a presenza de materiais líticos posiblemente alóctonos e as manifestacións de pintura esquemática, permiten observar a complexidade estrutural do xacemento así como o grande dinamismo en canto á circulación vinculadas ao corredor do Támega, na depresión Régua-Verín. Funcionaría como vía de circulación de influencias, materiais e ideas, fundamental para o estudo dos procesos que transformaron os modos de vivir das comunidades.
Quero expresar os meus agradecementos a todas aquelas persoas que están implicadas detrás deste traballo e que de maneira indirecta axudaron a súa realización. Agradecer o apoio financieiro dos concellos de Oímbra e Monterrei, promotores directos do proxecto de intervención desenvolvido no Conxunto arqueolóxico da A Ceada das Chas/ Castelo de Lobarzán, que presentaron a solicitude mediante o Grupo de Desenvolvemento Rural [GDR] Galicia 2014-2020, así como a implicación da veciñanza de toda a comarca. Tamen quero agradecer ó equipo directivo do proxecto, Beatriz Comendador e Víctor Rodríguez, que levaron adiante a primeira fase do proxecto con óptimos resultados, e finalmente, de maneira directa, a Beatriz Comedador e Miriam Cubas pola súa titorización que fixo posible este traballo de investigación.
Aínda queda moito por facer, pero estamos preparando xa a publicación nunha revista científica que compartiremos, para que poidades desfrutar deste estudo… tanto como eu.
