O Castelo de Lobarzán recreado

Por Víctor Rodríguez Muñiz (texto) e Víctor Vázquez Collazo (ilustración)

Recreación da fortaleza de Lobarzán sobre o val do Búbal

A fortaleza de Lobarzán, ubicada no outeiro do Castelo de Vilaza, está documentada cando menos desde o ano 982 –cando o bispo de Iria, Paio, doa ao mosteiro de Celanova villa Olimbria… qui est scita vallis Baroncelli vocata, sub fundo Loprazana–43. Rexerá un espazo comprendido entre Lucenza (Cualedro) ao oeste e o río Támega ao leste, avanzando polo sur a territorio actualmente portugués ata case as portas de Chaves.
A relevancia de Lobarzán –ao igual que acontece coa fortaleza de Cabreira– na estruturación territorial entra en declive coa instauración, por orde real, da póboa e fortaleza de Monterrei, documentada por primeira vez en outubro de 1260 e que se titulará no sucesivo tenente dos dous antigos castelos. Ambas fortalezas non desaparecen pero si perden as prerrogativas señoriais que viñan desfrutando como cabezas das súas respectivas terras, por canto o eixo do poder se despraza á nova vila real. O peso específico desta póboa fai que a terra abandone o antigo nome de Baronceli para identificarse como de Monterrei, referente á vila que pasa a ser o seu lugar central, tanto desde unha perspectiva xeográfica como de poder. Non obstante, os antigos castelos continuaban en pé.

No que a Lobarzán se refire, aínda en 1292, continuaba a recibir coidados que garantisen o seu correcto estado. O seu fin chegará por volta de 1460, cando, dentro dos conflitos sucesorios do señorío de Monterrei, Xoán de Zúñiga ordene a súa demolición para nunca voltaren, nin Cabreira nin Lobarzán, ser reconstruídas. A súa demolición marca o fin da secuencia histórica do asentamento durante a Idade Media.

Vista do Outeiro do Castelo sobre o val do Búbal, coa perspectiva para a recreación da fortaleza

A intervención arqueolóxica realizada en 2019 realizou unha intensa labor de desbroce e despexe da mestísima cobertura vexetal que cubría o terreo impedindo por completo a observación do mesmo. A retirada da parte necesaria da cobertura arbustiva definiu, per se, a existencia dunha plataforma ata ao momento inaccesible, e que houbo de xogar o papel de patio de armas da fortaleza. Toda ela encontrábase rodeada por unha muralla perimetral, de aparello de boa factura, con bloques de grandes dimensións ben escuadrados e disposición tendente á isodomía, da cal muralla se puido delimitar a práctica totalidade do seu trazado. Este define un espazo con forma tendente a rectangular, cun perímetro de 137 metros (cun eixo maior –SW-NE– de 47 m e o menor –NW-SE– cun máximo de 25) e unha superficie total no patio de armas duns 1160 m2.

Como é característico na arquitectura defensiva altomedieval a liña de muro está construída en base a un sistema mixto, aproveitando a presenza de grandes bolos e laxes graníticos para asento firme dos muros en alzado sempre que tal circunstancia era posible, do que son testemuña os frecuentes encastres e negativos localizados. En certos tramos, e especialmente na fronte E, recorre aos característicos ‘chanzos’ rebaixados para permitir a disposición o máis plana posible dos sillares con que se edificou a muralla.
A liña perimetral de muralla, xeral a toda a fortaleza, víase complementada en sectores máis específicos (aquel onde houberon de estar as entradas ao recinto, así como para a defensa da torre) por liñas adicionais igualmente de rexa e robusta construción. Estas consérvanse en alzado ao pé do torreón e nos negativos das liñas, bifurcadas, que habían de protexer o espazo de acceso ao recinto. Este realizábase polo SE, sendo esta a única ladeira –mesmo salvando unha importante cota, que obrigaría a un camiño en zig-zag– que resulta practicable para o seu ascenso.

Situada nun esporón rochoso destacado sobre o conxunto –sobreelevado unha media de dous metros sobre a plataforma chaira do recinto–, o castelo completábase coa súa correspondente torre, que igualmente o proceso de limpeza de vexetación permitiu definir con toda claridade, e a cuxa demolición han de corresponder os numerosos sillares de gran tamaño dispostos ao NE dela, na parte central da plataforma do patio de armas. O que da torre se conserva define un espazo de planta cuadrangular, de 6m de lado, cun sistema construtivo que reflicte novamente o sistema mixto descrito para a muralla perimetral: parte da planta da torre (o treito suroriental, fundamentalmente) coñécese polos negativos da rocha nai onde se asentaba, mentres os lenzos restantes se constrúen con cantería de excelente calidade e disposición.

Disposición dos restos arqueolóxicos da torre e boceto gráfico para a recreación orientada da mesma

Estes elementos que a actuación arqueolóxica permitiu documentar, serviron para fundar e acompañar a labor coordinada de recreación deste momento de madurez do castelo, xa plenamente conformado e petrificado nas súas defensas, quer no referente á torre, quer ao patio de armas que ocupa toda a parte superior do outeiro.

Deixámosvos o resultado da recreación da fortaleza de Lobarzán, realizado, en colaboración co equipo da intervención, polo ilustrador Víctor Vázquez Collazo, a quen queremos agradecer ofrecernos este traballo.

Agardamos que disfrutedes da silueta desta fortaleza, destruída no século XV, e recreada de novo sobre o val do Búbal.

Responder

Introduce tus datos o haz clic en un icono para iniciar sesión:

Logo de WordPress.com

Estás comentando usando tu cuenta de WordPress.com. Cerrar sesión /  Cambiar )

Google photo

Estás comentando usando tu cuenta de Google. Cerrar sesión /  Cambiar )

Imagen de Twitter

Estás comentando usando tu cuenta de Twitter. Cerrar sesión /  Cambiar )

Foto de Facebook

Estás comentando usando tu cuenta de Facebook. Cerrar sesión /  Cambiar )

Conectando a %s

Crea tu sitio web con WordPress.com
Empieza ahora
A <span>%d</span> blogueros les gusta esto:
search previous next tag category expand menu location phone mail time cart zoom edit close